Unión Europea non social

24/03/2009

Valoración dos acordos adoptados na Reunión de Ministras e Ministros da UE perante do sector lácteo

Valoración do Sindicato Labrego Galego  diante dos acordos da reunión ministerial celebrada onte, luns 23 de marzo, en Bruxelas.

  1. As medidas de apoio á exportación e ó almacenamento privado de leite adoptadas non van resolver a grave situación que o sector lácteo galego está a sufrir pola baixada xeneralizada de prezos, senón que a van profundizar.

  2. Nese sentido, consideramos que o MARM perdeu a oportunidade de apoiar medidas como as que o Goberno alemán quería comezar a debater e que organizacións agrarias coma o Sindicato Labrego Galego vimos reivindicando historicamente, e dicir, centrar o debate e as solucións no establecemento dun prezo mínimo que cubra custos de produción e o traballo.

  3. Cómpre que a ministra Elena Espinosa dea marcha atrás nas medidas que apoiou no seu día no Chequeo Médico da PAC, tales como aumentar liñalmente a cota de produción de leite en Europa e liberalizar totalmente o mercado coa desparición do control da produción, xa que este tipo de iniciativas son as que están a provocar que teñamos importacións masivas de leite a baixos prezos.

  4. As vías de solución teñen que vir pola redistribución das cotas europeas con criterios sociais e o establecemento de prezos mínimos, para acadar deste xeito unha produción de leite ordenada e a vertebración do territorio en toda a Unión Europea.

  5. Agardamos que camiños e debates como os que onte se abriron no Consello de Ministras/os da UE sirvan tamén para reorientar a Política Agraria Común (PAC) cara o regulamento das marxes comerciais para a distribución que impliquen prezos xustos para a alimentación da sociedade e para poder vivir dignamente do noso traballo os labregos e labregas.

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG

TLF: 619 348 426

Valoración dos acordos adoptados na Reunión de Ministras e Ministros da UE perante do sector lácteo