Feijoo

11/05/2009

Unha única medida non é un “plan”. Urxen máis medidas coxunturais e estruturais para salvar ao sector

As medidas de inspección e control da distribución para que haxa transparencia na conformación de prezos, propostas polo Executivo galego na mañá de hoxe, ao igual que as reunións que Alberto Núñez Feijoo se comprometeu a manter coas industrias e coa distribución, non son garantía suficiente, para o Sindicato Labrego Galego, de que as explotacións vaian percibir un prezo polo leite que cubra os custos de produción, condición imprescindíbel para saír da crise na que nos atopamos.

O presidente do Executivo galego tamén anunciou algunhas medidas que poderían axudar ás explotacións de leite a acadar unha liquidez temporal: cobro das axudas da PAC 2009 en xuño e cobro inmediato das axudas pendentes do pasado 2008.

Asemade, comprometeuse, “nun breve prazo”, a estudar préstamos subsidiados para dotar de circulante ás explotacións a través do IGAPE, así como a estudar liñas de axudas directas. Dende o Sindicato Labrego Galego instámolo a facelo urxentemente e lembrámoslle que, de non presentar medidas que realmente rematen coa grave situación económica na que se atopan as explotacións de leite, o vindeiro 26 de maio o sector botarase novamente á rúa, desta vez cunha tractorada nacional.

Non queremos só medidas de choque que nos obriguen a estar repetida e permanentemente en situación de crise, por iso o SLG puxo sobre a mesa, na reunión mantida nesta mañá, que son precisas medidas estruturais que reconduzan a política leiteira na UE, única garantía para rematar con esta situación de prezos insostíbeis e inundación de leite doutros países comunitarios.

Non só o Goberno galego, senón tamén o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, así como a Unión Europea, son os responsábeis de deseñar medidas que avancen cara a construción dunha nova política agraria que remate con esta crise e estabilice ao sector mediante a fixación de prezos para o leite.

 feijoo5

feijoo