15/04/2011
Tareixa Ledo Regal presentou o seu libro sobre Lidia Senra Rodríguez en Lugo nun emotivo acto xunto a varias xeracións de afiliados e afiliadas do SLG
Tareixa Ledo Regal presentou, o 15 de abril, en Lugo, ante un cento de persoas, o seu libro “Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable”, de Edicións Laiovento. Trátase dunha obra na que se recorre á figura da que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego durante 18 anos, Lidia Senra, que tamén estivo no acto xunto á súa sucesora nesta responsabilidade, Carme Freire, para explicar un xeito distinto de liderar as organizacións sociais.
Neste libro, Tareixa Ledo Regal contrapón o xeito clásico de liderar, vencellado polo xeral a esquemas machistas e de carácter frío, piramidal e mandatario; con outro xeito de liderar que está sendo reinventado por mulleres como Lidia Senra, que se caracteriza pola súa calidez, proximidade e confianza coas persoas. Boa parte da intervención de Tareixa centrouse tamén en “poñer en valor a vida e a contribución das mulleres labregas”, protagonistas do seu libro xunto á ex-secretaria xeral do SLG.
Todos e todas coincidiron á hora de valorar este acto como moi emotivo, pois a presentación do libro deu lugar a que aflorasen as lembranzas entre os e as asistentes, moitas persoas colaboradoras ou afiliadas dende as orixes do Sindicato Labrego Galego que tivo as súas raíces e levou a cabo loitas que foron históricas para Galiza, precisamente, na provincia de Lugo.


