28/04/2011
Tareixa Ledo Regal levou á Terra Chá o seu libro sobre Lidia Senra Rodríguez
Tareixa Ledo Regal presentou, o 28 de abril, en Vilalba, ante medio cento de persoas, o seu libro “Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable”, de Edicións Laiovento. Trátase dunha obra na que se recorre á figura da que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego durante 18 anos, Lidia Senra, que tamén estivo no acto xunto á súa sucesora nesta responsabilidade, Carme Freire, para explicar un xeito distinto de liderar as organizacións sociais.
O acto de Vilalba tivo a particularidade de exhibir unha presentación dixital coa que se fixo un percorrido histórico e visual polas loitas labregas que se desenvolveron na Terra Chá nas últimas décadas, protagonizadas pola afiliación e as persoas que colaboraron co Sindicato Labrego Galego; ademais da proxección de imaxes de accións nas que Lidia Senra e a Secretaría das Mulleres do SLG tiveron un papel fundamental.
