COORDENADORA EUROPEA VÍA CAMPESINA

03/04/2009

Política leiteira europea: Propostas para saír da crise

A crise láctea europea causada polas malas decisións dos últimos anos, en particular as da UE desde 2003, corre o risco de conducir a un desastre social e territorial se non se adoptan sen demora medidas relativas ao control, ó nivel, ó prezo e á distribución da produción

Reducir a produción: é necesario suprimir o aumento da cota do 1% deste ano e pór en dúbida o aumento programado para os próximos anos. Logo é necesario ir máis aló e reducir suficientemente a cota europea.

 

Establecer un debate sobre as modalidades desta redución de produción. Se se quere manter un máximo de produtores e produtoras, na súa maioría pequenos e medianos produtores/as, será necesario compensar a redución da produción. Os pequenos produtores e produtoras non deben sufrir as consecuencias da redución de produción.

 

Manter un control público da produción. Os produtores/as deben mobilizarse para instar á UE a que anule a decisión de 2003 de abandonar as cotas en 2015.

 

Garantir unha renda suficiente a todos os produtores/as de leite, algo só posible a través dun control, dunha mellor distribución da cota e dun prezo mínimo de compra por parte das industrias lácteas.

 

Suprimir as restitucións á exportación, a forma máis visible de dumping cara aos terceiros países (dumping disimulado polas axudas directas desvinculadas cando os produtos se exportan). Tamén hai que pór en dúbida a obrigación de importar produtos lácteos e o acordo agrícola da OMC de 1994. É necesario intercambiar o deber de parar o dumping polo dereito de poder protexerse das importacións a baixo prezo.

 

Desalentar a produción leiteira demasiado intensiva dependente da soia, favorecer a produción leiteira a base de forraxes locais e pastos permanentes (clima, biodiversidade) e valorizar os métodos de produción máis autónomos.

 

Ante a perspectiva de 2013, é necesario desenvolver unha nova política leiteira nunha PAC onde o marco da OMC se substitúa polo da soberanía alimentaria, algo indispensable para facer fronte aos retos da crise sistémica actual.

 

 

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Lida Senra, Responsábel Sectores Gandeiros da Coordenadora EuropeaVía Campesina

TLF: 609 845 861

René Louail, (FR)Membro do Comité de Coordenación

TLF: 33 6 7284 8792