Manifestación apoio Causa Galiza

08/02/2016

O SLG solidarízase cos membros de Causa Galiza detidos na Operación Jaro e pide a súa posta en liberdade

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa solidariedade e apoio ás persoas detidas no marco da Operación Jaro, en particular, e a Causa Galiza como organización política. Dende o SLG consideramos todas as accións represivas levadas a cabo contra militantes independentistas como unha tentativa de criminalizar diante da sociedade e da opinión pública calquera opción política que sexa crítica co actual sistema político e establishment, dende o independentismo aos diversos nacionalismos ou movementos de esquerda.

No Sindicato Labrego Galego seguimos acreditando nun sistema democrático que ten entre os seus piares básicos a liberdade de ideas e de expresión, polo que demandamos, diante do xuízo que se celebra hoxe, 8 de xaneiro, ás persoas detidas na Operación Jaro:

  • A plenitude dos dereitos civís e políticos para todas as persoas, ideoloxías e organizacións, exceptuando o fascismo.
  • A paralización do proceso de ilegalización de Causa Galiza, retornando á situación anterior ás detencións, rexistros domiciliarios e traslados á comandancia da Garda Civil de Tres Cantos (Madrid).
  • Arquivo da causa aberta contra nove independentistas da Galiza que foron imputados e imputadas pola Audiencia Nacional por “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo”, delitos que, concatenados, poden implicar varios anos de prisión.

Dende o Sindicato Labrego Galego agardamos que o xuíz Eloy Velasco non falle contra as persoas xulgadas pola Operación Jaro cuxo único crime foi ser independentistas, unha opción ideolóxica que, de ser delito, debería implicar tamén a detención, cando menos, da metade do pobo catalán e a boa parte do vasco