22/04/2020
O SLG pide adiar o saneamento gandeiro até que a situacion sanitaria garanta facelo sen perigo para a saúde
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar a nosa preocupación diante do anuncio de volver poñer en marcha as actividades de saneamento gandeiro en pleno estado de alarma e cando a pandemia polo Covid-19 semella que tan só está nos seus inicios.
Parécenos unha arriscada e perigosa irresponsabilidade que se obrigue ao persoal veterinario a viaxar de granxa en granxa a realizar unha actividade na que decotío non é posible manter as distancias recomendadas entre persoas, podendo facer involuntariamente de vectores de transmisión do coronavirus no rural.
Dende o SLG solicitamos que se adíe o saneamento gandeiro até que a situación sanitaria se normalice e se poida realizar nunhas condicións de seguridade e hixiene suficientes para non comprometer a saúde das persoas.
