19/05/2009
O SLG manifesta o seu apoio ás produtoras alemás en folga de fame para esixir un prezo xusto para o leite
O Sindicato Labrego Galego quere amosar o seu fondo apoio ás mulleres produtoras de leite que se atopan en folga de fame en Berlín dende o pasado 14 de maio para reivindicar un prezo xusto para o leite e denunciar unha vez máis que é a actual política leiteira europea a principal culpábel da gravísima situación pola que atravesa o sector.
Dende o SLG, que nos atopamos baixo esa mesma insostíbel baixada de prezos e coas nosas explotacións leiteiras nunha profunda crise, solidarizámonos coa loita das mulleres da organización de produtoras e produtores de leite BDM e instamos á ministra de agricultura, Elena Espinosa, a tomar medidas contundentes para dar marcha atrás á política leiteira da UE de tal xeito que:
Se acade un equilibrio entre a oferta e a demanda.
Se produza o establecemento dun prezo mínimo que cubra custes de traballo e produción.
Se redistribuia a produción entre as labregas e labregos da UE baixo criteiros sociais.
Dende o Sindicato Labrego Galego instamos ás administracións galega e estatal a poñer enriba da mesa as medidas necesarias para que non peche ningunha explotación, así como as medidas precisas para o establecemento dun prezo mínimo que cubra os custos de produción e traballo.
