26/04/2013
O SLG coorganiza as xornadas “Consumo sostible e xénero: novas preguntas, novos retos”
O Sindicato Labrego Galego foi invitado pola asociación Xarxa de Consum Solidari a participar nas XI Xornadas de Comercio Xusto e Consumo Responsable "Soberanía Alimentaria, feminismo e consumo crítico”, que se desenvolverán esta fin de semana en Barcelona. En concreto, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, formará parte dunha mesa redonda sobre “Consumo crítico e responsable, visións dende o feminismo” que terá lugar o sábado 27 de abril, ás 12:00 horas. Xunto a Isabel, estarán Conchi Piñeiro (Altekio Cooperativa e investigadora da Universidade Autónoma de Madrid) e Isabel Álvarez (Rede de grupos de consumo Nekasarea-EHNE).
Do mesmo xeito, entre o 23 de abril e o 13 de maio, celebraranse en Compostela as xornadas “Consumo sostible e xénero: novas preguntas, novos retos” das que o SLG é coorganizador xunto a Panxea, A Cova da Terra, Coordinadora Galega de ONGD, Sodepaz Comercio Xusto, Xarxa de Consum solidari, Marcha Mundial das Mulleres Galiza e Verdegaia. Neste caso, tamén contaremos coa participación de Isabel Vilalba, que ofrecerá unha charla baixo o título "O papel das mulleres na produción de alimentos dende a óptica da Soberanía Alimentaria" o vindeiro luns, 29 de abril. De seguido, facilitamos o programa das xornadas galegas (tamén se pode descargar en pdf premendo na incona que hai no remate desta páxina):
- 23 de abril, ás 19:30 horas: "Sinerxias entre feminismo, ecoloxía e consumo responsable" por Miriam Nobre.
- 29 de abril, ás 19:30 horas: "O papel das mulleres na produción de alimentos dende a óptica da Soberanía Alimentaria", con Isabel Vilalba Seiva (Secretaria Xeral do SLG).
- 13 de maio, ás 19:30 horas: "Economía feminista e con visión de xénero", por Joana García Grenzer (xornalista posgraduada en políticas de xénero e igualdade)
Dende o Sindicato Labrego Galego animámosvos a participar.
O SLG coorganiza as xornadas “Consumo sostible e xénero: novas preguntas, novos retos”
