asambleia

09/06/2009

O SLG convoca unha tractorada en defensa do prezo do leite, o vindeiro mércores 17 de xuño

Na asamblea do sector leiteiro celebrada na mañá de hoxe en Vilalba, gandeiras e gandeiros do Sindicato Labrego Galego, procedentes de todas as comarcas da Galiza, adoptaron a decisión de mobilizarse cunha tractorada o vindeiro mércores 17 de xuño en diferentes comarcas do País.

Dende o SLG queremos deixar ben claro que sabemos en mans de quen está solucionar a crise do sector: nas dos gobernos, sendo estes aos que temos que demandar que cumpran coa súa obriga de defender a supervivencia das explotacións leiteiras deste País.

É a súa responsabilidade loitar politicamente, traballar, para que sexan adoptadas dunha vez por todas medidas que nos permitan ter un prezo que nos cubra os custes de produción e remuneren o noso traballo.

Porque consideramos central a responsabilidade gubernamental nesta crise, é polo que o SLG adopta a decisión de convocar unha tractorada para o vindeiro mércores 17 de xuño, á que engadiremos a convocatoria conxunta, canda as outras organizacións agrarias, doutro tipo de accións.