Lupe Prado e Carme Freire

05/03/2009

O SLG chama á unidade de acción para a defensa dos prezos no sector lácteo

O Sindicato Labrego Galego vén de denunciar en rolda de prensa na mañá de hoxe en Santiago de Compostela a insostíbel situación de prezos, con baixadas todos os meses e que en absoluto chegan tan sequera a cubrir custos de produción, que están sofrer as gandeiras e gandeiros de leite do noso país.

O SLG salienta a falsedade da afirmación da industria ao alegar que “sobra moito leite”, para deste xeito xustificar o abandono dalgúns dos recorridos de recollida, cando o Estado somentes produce dous terzos do total de leite consumido, sendo a única razón de que "sobre" leite os movementos especulativos da industria.

Como vimos de denunciar recentemente, séguense a utilizar os contratos para amarrar ás explotacións, “pontear” entidades asociativas e, en definitiva, redundar na baixada de prezos.

Perante desta situación, moi grave, padecida nas explotacións da Galiza, o Sindicato Labrego Galego fai un chamamento público ao conxunto do sector (organizacións agrarias, cooperativas, grupos de gandeiros/as, etc) para articular de xeito consensuado as accións a desenvolver para rematar con esta situación imposta pola industria e as empresas de distribución.

O SLG quere trasladar tamén á opinión pública que o establecemento de prezos mínimos que cubran custos de produción foi un tema aprobado nos Parlamentos galego e español, instando ao Goberno central á elaboración de normativas que garantan o medio de vida para as explotacións por esta vía.

O Sindicato Labrego Galego espera a inmediata posta en marcha por parte do Goberno dos acordos emanados dos Parlamentos.

 

 

O SLG chama á unidade de acción para a defensa dos prezos no sector lácteo