27/01/2011
O SLG apoiou a folga xeral do 27 de xaneiro en defensa dos intereses dos labregos e das labregas
O Sindicato Labrego Galego (SLG) apoiou a folga xeral do 27 de xaneiro, convocada pola Confederación Intersindical Galego (CIG). Desta maneira, o SLG expresou o seu máis firme rexeitamento á reforma das pensións e recortes sociais que vai levar adiante o Goberno Central e que prexudicarán, en especial, aos labregos e ás labregas.
Este prexuízo, como xa denunciou o SLG en días pasados, ten que ver tanto coa saúde das persoas -a profesión labrega ten unhas esixencias e desgaste físicos que a fan desaconsellable máis alá dos sesenta anos de idade-; como coa imposibilidade de boa parte do sector de cotizar os anos necesarios para ter dereito a unha xubilación. Respecto deste último problema, afecta de cheo ás mulleres que, polo xeral, non adoitan a cotizar a pesares de traballar man a man cos seus cónxuxes nas explotacións. Ademais, as novas regras para calcular as pensións farán que estas sexan aínda máis misérrimas do que o son agora.
O Sindicato Labrego Galego expresou o seu apoio á folga xeral secundando o meirande das manifestacións que se desenvolveron na Galiza. Así, as persoas que integran a Executiva do SLG participaron nos actos de protesta en diversas comarcas:
- Compostela: Carme Freire (secretaria xeral), Lidia Senra (secretaria de organización), Xosé Manuel Calvo (secretario de ordenación territorial e estruturas) e Mariano Pazos (secretario de formación e servizos).
- Lugo: Ana Rodríguez (secretaria de desenvolvemento rural) e Adolfo Cabarcos (secretario dos sectores gandeiros)
- Ourense: Xosé Manuel Parente (secretario dos sectores vexetais).
- Verín: Charo Sánchez Parga (secretaria de medio ambiente, terra e montes)
- O Barco: Manuel Docampo (secretario de relacións laborais e responsábel do sector do viño).





