09/05/2011
O Sindicato Labrego inicia unha campaña de recollida de sinaturas contra o traslado da oficina agraria comarcal da Estrada
Sindicato Labrego Galego vén de pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, dirixida a impedir que a Consellaría de Medio Rural leve para adiante o traslado da sede da oficina agraria comarcal do seu domicilio actual, na praza do Mercado, no centro urbano da Estrada; ás instalacións da Fundación Comarcal, nos arrabaldes da vila estradense.
O Sindicato Labrego Galego oponse a este traslado porque vai causar graves prexuízos aos usuarios e usuarias dos servizos de extensión agraria por varios motivos. En primeiro lugar, levar a oficina agraria comarcal á sede da fundación afastará este servizo das explotacións dos concellos de Forcarei e Cerdedo. Ademais, producirase un serio entorpecemento de calquera xestión que necesite servizos que se ofrecen na vila, tales como ingresos bancarios, realización de fotocopias, compulsas, etcétera, obrigando a desprazamentos agora innecesarios e aumentando unha carga burocrática que, moitas veces, nas actividades agropecuarias, resulta asfixiante.
Neste intre, o Sindicato Labrego Galego xa puxo en marcha unha recollida de sinaturas que, en canto remate, trasladará á Consellaría de Medio Rural xunto co fondo malestar das explotacións agrarias e gandeiras de Tabeirós-Terra de Montes.
