23/01/2013
O Sindicato Labrego inaugurou en Ordes un novo local para mellorar o servizo prestado á súa afiliación
O Sindicato Labrego Galego inaugurou hoxe, 23 de xaneiro, o seu novo local na vila de Ordes para atender a afiliación de toda a comarca. Este novo inmoble foi adquirido en virtude do convenio de colaboración asinado en 2008 entre as tres organizacións agrarias e a Xunta, e atópase nas galerías comerciais xunto á Alameda de Ordes, na rúa Alfonso Senra nº 117.
O acto de inauguración contou coa participación da secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane que, xunto á responsable local da organización agraria, María Vieites, coincidiron á hora de valorar que o traslado de sede obedecía “ao noso compromiso con esta comarca; e á vontade de afianzar e fortalecer a nosa presencia e a determinación por seguir traballando por un mundo rural vivo, con servizos de calidade, cun medio ambiente san e no que poder vivir dignamente como labregos e labregas”.
