06/11/2010
O Sindicato Labrego Galego retomará as mobilizacións en demanda dun prezo digno para o leite que nos permita vivir
Trala reunión da Interprofesional Láctea (Inlac) do 5 de novembro, o Sindicato Labrego Galego tomou a decisión de retomar a campaña de mobilizacións do sector lácteo en demanda dun prezo digno para as explotacións. O principal motivo desta decisión foi a negativa dos representantes das empresas na Inlac a fixar un prezo para o leite do último trimestre do 2010 que cubra os custes de produción e remunere de maneira digna o traballo nas explotacións. Para o Sindicato Labrego, a situación de prezos que se vén arrastrando dende febreiro de 2009, con valores que en boa parte das explotacións non cobren nin os custes de produción, é insostible.
A diferencia do acontecido en meses pasados, agora as mobilizacións serán a escala estatal, xa que a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) e todas as unións que forman parte dela anunciaron, hoxe mesmo, o inicio de protestas en todas as zonas produtoras de leite do Estado. Ademais, Inlac aprobaron solicitar unha reunión urxente coa nova Ministra de Agricultura, Rosa Aguilar, para que o Ministerio interveña e promova medidas de carácter político e lexislativo que se concreten e garantan un prezo xusto para o leite que garanta a viabilidade económica de todas as explotacións que hoxe seguen en activo.
