26/05/2013
O Sindicato Labrego Galego apoiou activamente a tractorada en Xinzo contra o proxecto da mina de feldespato
O pasado 25 de maio, a Plataforma Veciñal Corno do Monte elevou a temperatura das súas protestas cunha tractorada contra a mina de feldespato proxectada por Minecer SL. Segundo a organización, “máis de 400 asistentes e preto de 200 tractores foron o xeito no que se manifestou por unanimidade a veciñanza limiá. Xunto a eles, todo o sector servizos da agricultura e a gandería (almacéns de patacas, abonos, fitoagrarias, talleres…) de Xinzo e Trasmiras pecharon este sábado para sumarse a protesta e apoiar aos seus agricultores e gandeiros”.
A Manifestación comezou no Toural coa lectura dun manifesto, xa que a Subdelegación do Goberno, a pesares de ser sábado e causar menos molestias na vila, prohibiu que as xente se detivese na Praza Maior. A Manifestación acompañada dos tractores percorreu as principais rúas da vila, collendo logo todos dirección a San Pedro de Laroá, unha das parroquias afectadas.
Seguindo co comunicado da Plataforma Veciñal Corno do Monte: “O que xa fora lema noutras protestas, a mina ou nós, cobrou máis peso que nunca nesta protesta, pois achégase a meta da resolución da Xunta e esta ten que escoller entre a mina ou as persoas que vivimos aquí e do agro”.
Os representantes veciñais, tralo rotundo éxito da tractorada expoñen que agora os que mandan na Xunta viron o que está en xogo. «Eles teñen inda outra oportunidade de poñer os informes ben despois deste período de alegacións. Eles verán. Nós confiaremos en non ter que acudir a Santiago con tódolos tractores da Limia, pero se o temos que facer, farémolo. Estes señores non nos van quitar o pan dos nosos fillos nin o seu futuro. Loitaremos ata o final.»
Esta protesta, como as anteriores, foi apoiada activamente polo Sindicato Labrego Galego, ao que a Plataforma Veciñal Corno do Monte agradeceu “todo o traballo e dedicación que levan aportado para deter o proxecto mineiro”.
