02/04/2009
Mobilización en contra da explotación do sector leiteiro por parte da distribución
Na mañá de hoxe máis de douscentos gandeiros e gandeiras levaron a cabo unha mobilización conxunta do sector lácteo no centro loxístico DIA S.A. (Polígono Industrial do Tambre, Santiago de Compostela). Durante máis de dúas horas impediuse a entrada e saída de camións ao complexo loxístico Mercagalicia, onde se atopa a central de DIA S.L.
Con esta acción denunciamos unha vez máis a grave problemática á que está a facer fronte o sector lácteo e visibilizar un dos factores máis claros da mesma: as abusivas marxes comerciais aplicados polas empresas distribuidores.
Para este mes de abril industrias coma CELEGA ou PASCUAL veñen de suspender as recollidas de leite para consumo líquido, levándoo, segundo din, para a transformación en leite en pó, polo que o importe pagado ao sector produtor redúcese aproximadamente á metade do xa baixo prezo actual.
Esta práctica está deixando centos de familias de produtores e produtoras nunha situación economicamente insostíbel (fortes gastos de mantemento e produción (0,37€ aprox.) con baixos ingresos polo leite), que aboca ás nosas explotacións cara un profundo endebedamento e á perda do sector agrogandeiro máis relevante do noso país.


