26/01/2010
Loitamos pola xestión conxunta dos montes
Na mañá de hoxe tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación e lectura do manifesto da Plataforma en Defensa das Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).
Xavier Simón -da UXFOR Costa-Sabugueiro-, Olga Otero -da UXFOR Fonte das Meigas-, Anxo Martínez -da UXFOR Vilaframil- e Rosa Villalibre -da UXFOR A Coviña-, foron @s voceir@s encarregad@s de transmitir os motivos nos que se asenta a nosa demanda dunha figura de xestión conxunta dos montes e expoñer as iniciativas que serán levadas adiante pola Plataforma perante da actual situación de parálise administrativa na que se atopa este proceso.

Á rolda de prensa asistiron representantes dalgunhas das unidades de xestión forestal afectadas.
Na comparecencia salientouse a atención posta no cumprimento dos compromisos adquiridos por D. Tomás Fernández-Couto, Director Xeral de Montes, para dar unha saída ás UXFOR que se atopan actualmente en proceso de creación.
En representación das máis de vinte UXFOR e organizacións agrupadas na Plataforma, deuse conta das xuntanzas mantidas até o de agora con representantes da Administración e expúxose polo miúdo a situación da UXFOR “Fonte das Meigas” de Chantada, como exemplo do avanzado estado no que se atopan algunhas destas unidades de xestión forestal, o que imposibilita a volta dos terreos ao seu estado inicial.
Olga Otero detalla a situación da UXFOR Fonte das Meigas.
Estamos loitando por acadar unha ferramenta que nos permita un mellor aproveitamento dos nosos montes baixo a xestión directa dos propietarios e propietarias, da veciñanza.
Mediante a xestión conxunta dos montes procuramos a recuperación e valorización de propiedades forestais evitando así o abandono, unha das principais causas de incendios no noso país.
Unha xestión común e profesional do monte implicará un maior aproveitamento da súa multifuncionalidade, incrementando a súa rendibilidade e repercutindo positivamente nos veciños e veciñas dese lugar.
Xavier Simón, Catedrático de Economía na Universidade de Vigo e representante da UXFOR Costa-Sabugueiro, explica o proceso de unificación dos terreos para a xestión conxunta.
Información relacionada:
18.01.10 Accións a levar adiante pola Plataforma en defensa das UXFOR.
http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=31&i=440
24.11.09 A Plataforma en defensa das UXFOR realizará un seguimento exhaustivo dos compromisos establecidos polo Director Xeral de Montes.
http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=31&i=422
Arquivo para decarregar:
Manifesto da Plataforma en Defensa das UXFOR
