Concentración Ferrol

09/07/2020

Concentración do SLG diante dos edificios da Xunta en Ferrol para demandar solucións aos danos da fauna salvaxe

O Sindicato Labrego Galego fixo unha concentración de protesta, o 8 de xullo, diante dos edificios administrativos da Xunta en Ferrol. A intención deste acto foi demandar solucións aos danos causados pola fauna salvaxe nas actividades agrogandeiras. De seguido, compartimos con vós as nosas demandas:

  1. REDUCIÓN INMEDIATA DOS DANOS-POBOACIÓNS. A xestión da fauna silvestre é unha competencia única e exclusiva da administración pública. Esiximos a elaboración urxente dun mapa de zonas nas que se están a rexistrar superpoboacións dalgunhas especies e, en consecuencia, a redución inmediata nestas comarcas do número de exemplares para termos un equilibrio ecolóxico no que ningunha especie poña en perigo ás outras ou que comprometan a actividade agrícola e gandeira. Resulta imprescindible a análise das causas que deron lugar a esta situación de danos graves e desequilibrio e a posta en marcha dun plan de xestión, con medidas urxentes e outras a medio prazo, e coa participación de todos os colectivos interesados.
  2. ASUNCIÓN DA RESPONSABILIDADE CIVIL DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA SOBRE O 100% DOS DANOS. A xestión da fauna silvestre é unha competencia da administración pública e o seu mantemento debe ser asumido polo conxunto da sociedade, recoñecendo a responsabilidade civil subsidiaria e remunerando a totalidade dos danos ocasionados polas distintas especies da fauna silvestre (xabarín, lobo, corzo, corvos…). Neste sentido, cubriranse as perdas tanto directas como indirectas a valor de mercado. Esiximos que no menor prazo posible se cree o fondo de corresponsabilidade previsto na actual Lei de Caza co fin de sufragar o 100% dos danos. Os pagos deben ser inmediatos e cubrir a totalidade dos gastos ou custos de reposición nos que tivesen que incorrer as persoas que sofren os ataques. Actualmente hai moitos danos que non se están a cubrir, as contías son moi inferiores ás perdas e mesmo hai danos de especies que non se cobren en absoluto.
  3. ELIMINACIÓN DE ZONAS ABANDONAS QUE PODAN SERVIR DE REFUXIO PARA A FAUNA SILVESTRE PRÓXIMAS AOS CULTIVOS. PARALIZACIÓN E REPOSICIÓN DA LEGALIDADE NO CASO DE FORESTACIÓNS ILEGAIS DE TERRAS AGRARIAS

  4. PROGRAMA DE SANIDADE ANIMAL EFICAZ E SUFICIENTEMENTE DOTADO PARA O TRATAMENTO DAS ENFERMIDADES DA FAUNA SILVESTRE E QUE GARANTA QUE NON HAXA UN CONTAXIO DE ENFERMIDADES Á CABANA DOMÉSTICA (tuberculose, brucelose, peste porcina, triquinose, sarna…) Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo (Ixodes ricinus), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.

  5. FINANCIAMENTO DO 100% DAS MEDIDAS DE PROTECCIÓN MÁIS ACAÍDAS A CADA CASO como mallas electrificadas, cobertura de custes na tenza de cans gardiáns, etc.

  6. PROGRAMA DE ALIMENTACIÓN DA FAUNA SILVESTRE A CARGO DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA. Posta en marcha e financiamento público dun programa para a plantación en terreos forestais de suficientes árbores con froito ou cultivos destinados á alimentación da fauna silvestre e compensación de persoas propietarias que planten árbores con esta función e teñan unha rendibilidade menor durante anos ás especies de crecemento rápido, así como o estudo do impacto de medidas como que algúns cadáveres podan quedar no medio