Via Campesina contra as violencias machistas

25/11/2015

Comunicado da Vía Campesina no 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas

(Harare 25 de novembro de 2015) Este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, a Vía Campesiña convoca unha xornada de mobilización co desafío de afondar en novas formas de resistencia e de loitas para romper co silencio do sistema capitalista e patriarcal, que atenta contra a vida das mulleres, que cousifica, que explota, que desposúe, que crea guerras e militariza territorios. É urxente construír novas relacións humanas baseadas na xustiza de xénero e na igualdade de dereitos.

Neste contexto, a Vía Campesina reafírmase na súa campaña mundial “Basta de Violencia contra as Mulleres”. Esta campaña iniciouse en 2008 pensada como unha ferramenta tanto para o debate e a formación no interior do movemento labrego, como para denunciar diante do resto da sociedade a violencia estrutural que ameaza as mulleres en todo o mundo.

As violencias, en plural

A violencia maniféstase en todas as esferas da vida -a nivel físico, psicolóxico, económico e político-, e acaba reproducíndose no cotián como algo natural. Por iso, neste 2015, dende a Vía Campesina alzamos a nosa voz para rexeitar toda forma de violencia e opresión, á vez que alertamos sobre o incremento de feminicidios en todo o mundo. Con moita indignación e rabia vemos como as condicións históricas actuais dadas no sistema capitalista e patriarcal xeran prácticas sociais que permiten atentados contra a vida das mulleres, tanto da cidade como do campo, sen importar a clase social, idade e orientación sexual.
A unha sociedade capitalista e patriarcal onde se normaliza a violencia e se cousifica o corpo das mulleres, súmanse as ausencias legais e a falta de políticas públicas, o cal xera unha convivencia insegura para as mulleres, que pon en risco a súa vida e favorece a impunidade e o silencio. Estannos matando!

É así que nesta xornada chamamos ás nosas organizacións, ás nosas aliadas da Marcha Mundial das Mulleres, e aos nosos amigos e amigas, para podermos visibilizar de xeito colectivo todas as formas de violencia e opresión que padecen as mulleres, coa perspectiva de acumular forzas que potencien os esforzos colectivos e esperanzas para a construción dunha nova sociedade baseada na xustiza xénero e na dignidade dos pobos.

Contra a violencia machista no campo