23/02/2016
A Plataforma en Defensa do Leite reúnese cos grupos do Parlamento de Galiza para buscar solucións á crise
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo vén de rematar unha rolda de contactos con tódolos grupos políticos do Parlamento de Galiza para instalos a non deixar no esquezo a crise que seguen a sufrir as nosas granxas. O 19 de febreiro celebrouse un primeiro encontro co PP, que tivo continuidade coas reunións con PSOE, AGE, BNG e Grupo Mixto o 22 de febreiro. Por parte do Sindicato Labrego participou en tódalas xuntanzas a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane.
En principio, tódolos grupos amosaron súa dispoñibilidade a apoiar no Parlamento Galego unha iniciativa da Plataforma para ter unha postura en clave de país cuns puntos básicos para o sector lácteo. De todos xeitos, e tralas xuntanzas, coincidiuse en que o Partido Popular fora rexeitando a maioría das iniciativas que se presentaron no Parlamento en relación coa crise do leite.
De cara a manter viva a loita e as demandas do sector diante da sociedade galega, barallamos varias posibilidades: impulsar unha declaración institucional de todo o Parlamento Galego de apoio ao sector lácteo, que tería que contar co apoio de tódolos grupos para saír adiante e podería rexeitarse sen debate; promover unha proposición non de lei coas medidas básicas defendidas pola Plataforma, que fose apoiada por tódolos grupos, instando ao Goberno Galego ao seu cumprimento; a creación dunha comisión de estudo na que puidésemos comparecer dende a Plataforma e as organizacións do sector, acción que se demoraría por requirir un tempo maior para o seu desenvolvemento; instar ao Goberno Galego para que constitúa un gabinete de crise no Parlamento, etc.
