27/09/2017
30 de setembro: Manifestación nacional en Compostela en defensa dos dereitos e liberdades en Cataluña
Este sábado, 30 de setembro, a Plataforma Galiza con Catalunya, conformada por diversas organizacións políticas, sociais, sindicais e culturais galegas, convoca unha manifestación nacional en Compostela con saída ás 12h da Alameda baixo o lema "Democracia é decidir".
A Plataforma ten como obxectivo mostrar o apoio desde Galiza ao proceso democrático catalán materializado nun referendo que o Estado español considera ilegal e pretende prohibir pola vía da forza policial, da persecución xudicial dos seus promotores e da suspensión da autonomía catalá pola porta de atrás, valéndose de subterfuxios para tentar controlar o goberno de Catalunya. Aínda sen recorrer formalmente ao artigo 155 da constitución española, que supendería de iure a autonomía, os últimos pasos dados polo goberno de Madrid suspenden de facto as institucións de autogoberno catalás por apoiaren e daren forma á vontade maioritaria do pobo de Catalunya que nas últimas eleccións autonómicas votou conscientemente opcións políticas que tiñan claramente explicitado no seu programa a celebración dun referendo de autodeterminación.
A imputación de máis de setecentos alcaldes e alcaldesas, as detencións de cargos eleitos, o envío masivo de efectivos de corpos policiais e a máis que previsible radicalización de todo este programa represivo con tal de impedir que a xente se exprese libremente nunhas urnas xa non causa perplexidade. Ao contrario, o que fai é confirmar o radicalismo antidemocrático do Estado.
